Saturday 27 de April de 2024

Uns 650 nenos e nenas de Brión homenaxean a Antonio Fraguas na Festa das Letras, celebrada na Carballeira de Santa Minia


 

Participaron nenos e nenas do CEIP de Pedrouzos e das escolas unitarias de Luaña, Bastavales e Os Ánxeles

Uns 650 nenos e nenas de Brión e máis de medio cento de adultos participaron esta mañá na Festa das Letras na Carballeira, un evento organizado polo Concello de Brión para conmemorar o Día das Letras Galegas e que está incluído no programa da XXIX Feira do Libro. Unha actividade na que participaron nenos e nenas de infantil e primaria do CEIP de Pedrouzos e das escolas unitarias de Luaña, Bastavales e Os Ánxeles.

Durante case hora e media, polo escenario da Carballeira de Santa Minia foron pasando os distintos cursos, que ben optaron por reproducir algún texto de Antonio Fraguas, ben cantaron e bailaron distintas pezas tradicionais, como a “Muiñeira de Brión”. Un apartado musical no que este ano contaron co apoio de Çe Orquestra Pantasma, que interpretou unha serie de cancións infantís que foron moi aplaudidas polos nenos e nenas. Como é habitual, a festa rematou coa interpretación do himno galego.

O alcalde de Brión, José Luís García, foi o encargado de dar a benvida a todos os presentes a unha actividade “coa que queremos que afondedes cos vosos mestres e mestras no coñecemento do autor ao que se dedica o Día das Letras Galegas; e porque así nos axudades a transmitir ese coñecemento a todas as persoas que hoxe nos acompañan aquí”.

A Festa das Letras adiantouse este ano nun para non coincidir co acto de entrega do I Premio Laudamuco de textos teatrais, que terá lugar o xoves 16 de maio, ás 12:00 horas, diante do busto homenaxe a Roberto Vidal Bolaño, na Carballeira de Santa Minia (en caso de choiva, entregaríase na sala de exposicións).